sexta-feira, junho 06, 2008

Na Galicia, a Telefónica também é muito conhecida

Leiam o que o Alberto Moncada escreveu, dá pra ler numa boa, galego é ancestral da flor do Lácio

http://altermundo.org/portal/content/view/873/311/

Os defensores do neoliberalismo aborrecen as empresas públicas. Un importante representante do empresariado español dicía recentemente que as mellores empresas públicas son as que non existen. A duras penas aceptan que haxa servizos públicos, que exista Estado de Benestar e moitos quixeran seguir o exemplo americano e privatizar a atención sanitaria, algo que en Europa aínda resulta inconcibíbel aínda que algúns gobernos, incluído o valenciano, estean xogando con fórmulas mixtas.
Pero a empresa pública actual ten pouco que ver coa que naceu logo da segunda guerra mundial. En Estados Unidos chamábanse "utilities" e foron creadas para encher os graves buracos do modelo de mercado en rexións subdesenvolvidas.
As primeiras "utilities" foron as eléctricas e a súa filosofía consistía en prestar un servizo, a un prezo primeiro subvencionado e logo regulado, reinvestindo os beneficios no mantemento e mellora do servizo pero sen que a compañía saíse ao mercado de capitais, tivese accionistas ou outras actividades distintas ás súas propias.
En Europa moitos servizos públicos, auga, electricidade, etc. tiñan outrora ese carácter e até a radio e a televisión naceron como servizos públicos aínda que logo o mercado empezase a recortar ese dominio eminente.
Actualmente, e por influencia do modelo americano, as empresas públicas estanse privatizando e o exemplo principal é a Telefónica que dende que as súas accións, as famosas "Matildes", comezaron a ser obxecto de propiedade privada, combinou un estraño modelo de monopolio cunha crecente actividade mercantil dentro e fóra de España. A Telefónica ten competidoras pero é a dona da rede terrestre, dese cabo que chega aos nosos fogares.
A Telefónica, como as empresas eléctricas, as de gas, auga, etc. actúan como empresas privadas pero sen o beneficio para o consumidor dunha aberta competencia e débense a uns accionistas cuxo beneficio é o principal obxectivo da empresa. A tal fin invisten os seus cartos onde cren que lles poida producir máis beneficios e as españolas saltaron recentemente as fronteiras asentándose en América Latina, nun novo episodio de colonialismo cada vez máis resentido polos nacionais.
"Dende que está Telefónica, o teléfono é moito máis caro", dicíame recentemente un amigo brasileiro. E o mesmo ocorre en Arxentina e outros países onde a Telefónica utiliza os seus pingües beneficios para crearse mercados alleos no canto de manter e mellorar o servizo telefónico español, que está bastante deteriorado.
Pronto lles vai a ocorrer ás empresas españolas o que lle ocorreu á francesa, que se fixo co servizo de augas en Cochabamba, Bolivia, triplicou os prezos e só unha revolta na rúa fixo ao goberno anular a concesión.
Este neocolonialismo español, ademais de conseguir que nos odien, transforma a condición de empresa pública a privada até extremos inverosímiles e nin sequera os períodos de goberno socialista puxeron coto a tales desmáns.
As empresas públicas tiñan monopolios xustamente pola súa función social e agora utilízano para o beneficio dos seus accionistas e executivos, medido ademais polo estreito marco da Bolsa.
Non parece que corran bos ventos para o consumidor nin para o cidadán e si para executivos e accionistas. Rexenerar o auténtico perfil da empresa pública, recuperar a súa función de servizo á cidadanía forma parte da inevitábel reacción contra o ataque neoliberal aos fundamentos da convivencia democrática.•

Nenhum comentário: